miércoles, 22 de enero de 2020

A LUZ QUE BRILLABA

Coido que a luz que asoma por detrás do outeiro procede dun obxecto luminoso que estará á espera de moverse. Ou non. Como curioso que son, optei por achegarme para saber o que era. Ou para saber se se movería. Aínda que estaba lonxe, paso a paso e pouco a pouco, cheguei. Ó chegar non vin nada raro. Intuín ó momento que tal brillantez dependería da colocación na que eu estivese. Ou sexa, que o obxecto non podería ser algo grande. Sinceramente, eu emprendera o camiño coa confianza de atoparme cunha nave espacial. Mellor cunha nave extraterrestre ou alieníxena. Non obstante, seguín buscando o obxecto ou o motivo desa luz que vira desde a distancia. Non tardei en atopalo... era o puto cu dunha botella rota! Non lle dei alí mesmo unha patada por medo a cortarme. Andaba cunhas sandalias que deixaban ver todas as dedas.
O descubrimento do cristal recoñezo que me deixou medio fundido (Dixen que confiaba atoparme cunha nave de máis alá das estrelas?). Quedei nun credo de deixar caer bágoas de impotencia e de carraxe. Menos mal que sempre me sentín heroe do desalento. Ou da desmoralización. Así é que non me quedou outra que regresar ó punto de partida. Iso si, fíxeno zorregándolle a todo o que atopaba ó meu paso coa vara que levaba na man. Por certo, a vara téñoa desde que fixera a ruta do Cares. De cando en vez os heroes tamén facemos andainas; non só imos por aí voando coma Supermán. Axiña deixei de preocuparme da luz que brillaba detrás do outeiro. Tampouco alumeaba xa o sol.

A Cervexaría de Maceda. Mércores, 22 de xaneiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario