viernes, 17 de enero de 2020

POLO UNIVERSO DA FELICIDADE

Eira Domingo Salvia nin é guapa nin é fea, nin é alta nin é baixa, nin é gorda nin é fraca. Eira Domingo Salvia é a filla da Carracha. Narciso Preguiceiro Florido nin ten bigote nin ten barba, nin coxea dunha perna nin se queixa da outra, nin traballa nin descansa, nin sobe nin baixa. Porque Narciso é pura nugalla. Pero o fillo do Saltón quérelle á filla da Carracha. E así empeza a historia desta parella que todas as tardes senta á beira dun canastro, míranse ós ollos e non se din nada. Nunca se din nada. Tan só se contemplan, ás veces sorrín, outras deixan caer bágoas de emoción e sempre, sempre, sempre soñan co seu amor. Non ven pasar á xente. Non oen os ruxerruxes. Non senten as mofas. O instante está aí, o momento non ten fin, o mundo é seu. De cando en vez abrazan os pés do canastro e deixan que as súas puntas dos dedos se toquen, para que a chispa brote. E bríllanlle os ollos. E sóbenselle as cores. E tensan os músculos. E aguantan a emoción. Cando a aguantan. Cando non a aguantan caen pingas de orballo polas súas caras. Míranse. Non din nada. Silencio. A filla da Carracha vence a cabeza para o lado esquerdo. O fillo do Saltón baixa os ollos cara o peito dela. Quere rebentar o mundo. Queren, os dous, que rebente. Para ser po e que as súas partículas se xungan, se peguen, se eternicen e floten polo universo da felicidade. Pero o mundo non rebenta, e sen deixar de mirarse, erguen, dinse adeus coas miradas e Eira Domingo Salvia, a filla da Carracha, vaise para a súa casa, e Narciso Preguiceiro Florido, o fillo do Saltón, queda no medio da rúa de pasmón.

Finca Fierro. Venres, 17 de xaneiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario