Quero
ir de aquí para acolá, pero axiña caio na conta de que terei que
evitar, esquivar certos elementos.
O
primeiro é un mangado de fentos, ó que non me queda outra que
poñerlle lume. Ós dous pasos son unhas gavelas de toxos, que cargo
no carro para facerlle a cama ás vacas. Logo me encontro cunha
parella de sapoconchos, que aparto con paciencia, con moita paciencia
cara á unha cuneta. Outeo o horizonte e vexo un gran espazo en
branco. Quedo bloqueado. Non pode ser, penso. Ten que haber algo que
me corte
o paso. Desde lonxe só vira atrancos. Non sei que facer. Estou en
branco! Opto por chimpar
un amieiro e atravesalo no camiño. Agora si, agora xa é outra
cousa. Agora non me queda outra que tallar
o amieiro e carrexalo
cunha carretilla (hai que lembrar que o carro das vacas está ocupado
coas gavelas dos toxos). Mentres
vou e veño de acolá para aquí, penso ó mesmo tempo como facer
para seguir esquivando os elementos. Porque sei que hai moitos máis
elementos. Xa que tan pronto como me pasou o de espazo en branco e de
paso que fun cortar o amieiro, subín uns metros polas súas gallas
para comprobar o traxecto ata acolá. Volvía estar cheo de
obstáculos. Efectivamente, non tardou en asomar un penedo que non
conseguín mover nin rinchando os dentes. Aniñou
en min
a impotencia. Por pouco tempo. Lembrei que no carro levaba unha maza.
E pouco a pouco, dálle que dálle o penedo volveuse fariña. Suaba,
pero seguín. E paso a paso, metro a metro, con esforzo, cheguei ata
acolá. Nunca me vencerán os elementos!
Finca
Fierro. Martes, 21 de xaneiro de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario