Sábese
que Groucho Marx nunca dixo “Máis madeira, é a guerra” na súa
película “Os irmáns Marx no Oeste”, que
foi aquí, no noso país,
na súa versión dobrada, cando se empregou
esa expresión tan usada. Desconfíase que foi Miguel Mihura o autor
da dobraxe. É igual, ante isto, estou por apostar que Donald Trump
viu a película na súa versión castelá.
E está a coller a frase
ó pé da letra. Quere guerra con Irán, e non hai maneira. Hoxe
parece que se
calmaron un pouco as augas, pero estando ese personaxe polo medio non
creo que tardemos moito en exclamar: é a guerra! A
guerra, o último amparo dos incapaces. A guerra, a loita na que
sempre perden os inocentes. A guerra, cando estoura, mata e destrúe.
Tamén o xoves,
día 9, de madrugada, exactamente á 01.08 quixo estourar Baños de
Molgas. A esa hora, un pequeno tremor de terra de magnitude 2,4
apareceu bufando desde o seu epicentro en Sanguñedo, para facer
tremer e bailar obxectos e para espertar á maioría dos veciños. Un
minuto máis tarde chegou outro aviso con magnitude de 2.1. É dicir,
un simple tremor para ter algo de que
falar polo día. A Baños de Molgas non a destrúen así como así.
Tan só aquel horripilante terremoto que si destruíu Lisboa o 1 de
novembro de 1755 foi quen de que a burga deixase de botar durante un
par de minutos. De todos é sabido que a burga é o mellor baremo, a
mellor testemuña de todo o que acontece en Baños de Molgas. É
a patroa da vila.
Volvendo
á guerra, tamén semella que empezan
a espertar os cans que dormen, ou sexa, empeza a armarse un
desencravo entre o PSOE e Unidas Podemos.
Un anuncia a destempo; outro víngase con exceso. E estamos
empezando. Oxalá acabe aí a cousa e que non lle dean ás ós das
dereitas, que estes axiña aproveitan
calquera abertura, calquera posibilidade
para asaltar á que pensan que é a súa patria. Sempre
se consideraron moi patriotas. Para isto tamén teño unha cita
cinematográfica, unha que asoma
na película “Sendeiros de gloria” (quizais o filme máis
antimilitarista de toda a historia cinematográfica): “O
patriotismo é o derradeiro refuxio dos covardes”. Empecemos
ben o ano e pasemos do “é a guerra” ó “aquí paz e despois
gloria”.
Finca
Fierro. Sábado, 11 de xaneiro de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario