lunes, 20 de enero de 2020

CON DIRECCIÓN Á CASA

Saín da cafetaría e a noite estaba escura. Estaba escura porque eran as once. Púxenme ó camiño con dirección á casa. Botei un paso para botar, logo, outro. E paso tras paso andei pisando nas baldosas. Algunhas estabas frouxas, soltas. Practicamente sen unha alma pola rúa. Só practicamente, porque unha muller dirixíase a un caixeiro e un home, metros máis abaixo, ía tapado cunha capucha pola outra beirarrúa. A noite, a maiores de estar escura, estaba fría. E segundo ese home se cubrira coa carapucha, por que non podía botala eu tamén sobre a cabeza? Que sentido ten pasar frío tendo con que abrigarte? Boteina sobre a cabeza, e ó momento xa souben que fixera ben.
Collín o atallo a bo paso. A bo paso porque era tarde, a noite estaba escura, ía frío e aínda tiña moitas cousas que facer ó chegar á casa e antes de ver algunha película de cine. Collín o atallo intentando ver onde pisaba. Ó ter esa escuridade encima, non sabes con que te podes atopar. Porque no atallo existe unha zona na que non se ve un carallo; no hai luz pública. Está o poste ou o farol, coa súa correspondente bombilla, pero a luz brilla pola súa ausencia; por fundida me imaxino. Desde o ano da pera. Menos mal que xa me sei o atallo de memoria. Tan só temo pisar os caracois. Claro que, hoxe, coa noite fría que queda, os pobres, estarán a invernar. Crucei sen problemas o atallo e en cen metros máis xa cheguei ó meu fogar. A partir dese momento, a preparar a mesa para escribir, para conectarme a unha rede social e para, iso si, escoitar música. E esperar a que chegue a hora da película.

Finca Fierro. Domingo, 19 de xaneiro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario