martes, 14 de enero de 2020

UNS POR MOITO E OUTROS POR POUCO

Moi de cando en vez dáseme por achegarme ata o centro de Ourense para ver se algo cambiou ou se todo segue igual. O outro día fíxeno e case todo segue igual. Menos a praza Bispo Cesáreo. Desta desapareceu xa o famoso belén dos 18.000 euros. Foi notar iso e asomar, coma un lóstrego, un pensamento: “alá vai ó carallo o turismo en Ourense”. Porque entre as termas do río Miño (que seguen escaralladas) e o belén do Jácome, Ourense quédase sen alicientes turísticos. Vale, si, a ponte romana e a catedral. E xa está. Ata Baños de Molgas ten moitas máis ofertas: desde a burga ata o cruceiro de Almoite, desde A Pitediña ata Os Milagres, desde As Mestras ata a capela de Santa Eufemia, desde o Outeiro do Corno ata o San Vitoiro, desde a estación do ferrocarril ata a torre da igrexa de San Salvador, desde a Ponte Vella ata a Ponte das Cepas. E non sigo que me perdo.
Ourense precisa turismo e, pola contra, hai un pobo en Austria que se chama Hallstatt que, dos 800 habitantes que ten, e desde que se colleu de modelo, de deseño para a película de animación “Frozen”, pasou a 10.000 turistas ó día. Ante esta avalancha, o propio alcalde empeza a solicitar que non se visite. Parece que a masiva afluencia de turistas non lle permite ós residentes realizar ben as súas tarefas. E oín na radio que lle quixera pasar a papeleta a outro pobo semellante, pero que, o alcalde deste, tamén se negara. Resumindo, e turisticamente falando, uns por moito e outros por pouco.

A Cervexaría de Maceda. Martes, 14 de xaneiro de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario