Xa
sei que non se fala doutra cousa que non sexa o coronavirus. Pero é
o que hai. Eu
tamén vou falar del. Para analizar un pouco (ou o que saiba) sobre a
estupidez humana. Porque hai que ser estúpidos para realizar o que
estamos realizando nos supermercados. Collendo produtos a máis non
poder, a darlle cun sacho
que, a maioría, son perecedoiros
e acabarán na bolsa do lixo. Esgotando produtos que, moita xente,
neses momentos si os precisan de urxencia. A todo iso, eu, chámolle
a psicose da estupidez. Agora mesmo (noite do sábado), mentres
estaba ceando, vin as noticias por unha canle televisiva sobre a
invasión nuns supermercados de Madrid. A forma de entrar a eles
(coma cando se inician as rebaixas) e as colas que se forman para
poder entrar. É neses momentos cando case desexas que lles entre o
maldito virus... porque estaban sen proteccións e todos pegadiños,
tanto nas colas coma, por suposto, ante as portas de súper esperando
a que abrise. A ver, tanto medo á pandemia
e resulta que estamos a provocala. Incongruencia
total.
Foi o pasado
mércores cando empecei a caer na conta do que se nos viña encima.
Nun supermercado do barrio de Mariñamansa. Nunca cidade que por ese
día aínda tan só se contabilizaran catro ou cinco casos. Ó entrar
xa me cheirou mal o asunto cando vin as colas ante as caixeiras. Eu
tan só ía coa intención de pillar unha bandexa de raxo
adobado. Tiven que chamar ó momento á muller para dicirlle todo
“acojonado” que non había carne ningunha. E máis pampo quedei
aínda o venres, cando fun a outro da Valenzá e... nin carne, nin
auga, nin pizzas, nin nada de nada. Do papel xa non falo, porque o
asunto do papel, do papel hixiénico é un escándalo. Neste
mesmo súper alguén comentou a que se armou porque dúas persoas
seica estiveron a piques de chegar ás mans a
causa duns rolos de papel hixiénico; tanto
que incluso tivo que facer acto de presenza a policía. E despois
andamos por aí burlándonos
daqueles que teñen liortas por culpa duns
marcos das leiras. Está visto que, o xénero humano, ante unha
adversidade, vólvese animal, parvo, idiota, lambón,
subnormal, estúpido e irracional.
Sentidiño,
moito sentidiño ante esta situación que nos desborda.
Finca
Fierro. Sábado,14 de marzo de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario