miércoles, 25 de marzo de 2020

CONTAR O QUE HAXA QUE CONTAR

Pouco máis dunha hora para que empece esa obra mestra cinematográfica chamada “Os sete magníficos”. Mentres non empeza, a música soa e os dedos percorren o teclado do ordenador para contar o que haxa que contar. Conto que, xeralmente, o número 1 vai primeiro que o 2, aínda que, ás veces, aquel quede, por exemplo, o derradeiro. Quero que saibades que sempre hai un principio e un final. O principio é cando empeza e a fin é cando remata. Lei de vida, lei lóxica. Conto que unha bomba de neutróns pode caer por entre as pingas de auga se no momento de lanzala está chovendo, ou por entre os lóstregos dunha treboada, ou por entre os raios do sol. Pero sempre, sempre caerá impulsada por unha man que a empurra, por unha man asasina. Porque a bomba de neutróns non respecta a ninguén cando cae, cando estoura, cando rebenta. E mata.
Conto que a lámpada que deixa escapar a luz nesta noite de marzo é para que un servidor consiga deslizar ben os dedos polo teclado do portátil, no que, como se ve, e se sabe, e se intúe estou contando o que me apetece contar. E sempre, sempre baixo esa música que amansa, que tranquiliza, que gusta, que calma. Conto que o Covid-19 segue a facer das súas, pero aplausos tras aplausos, desexos tras desexos e con sentidiño, con moito sentidiño conseguiremos vencelos. Temos que vencelo! Porque xa todos temos ganas de volver á rutina. Ata estou seguro que todo o mundo está desexando traballar ou estudar. E xa contei.

Finca Fierro. Mércores, 25 de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario