Aínda
que quixera escribir sobre outro asunto que non fose o coronavirus,
sinceramente, non sabería sobre que. Ou en tal caso sobre a familia
real, pero... como tampouco son moi partidario deles, é mellor calar
para non ofender a algúns. Non queda outra entón que volver a este
virus que semella que nos ten confinados ata per secula seculorum.
Vou optar por eses aplausos nocturnos que asoman todos estes días ás
oito da tarde/noite desde ventás, galerías e balcóns.
Penso que o primeiro día estivo moi ben o
detalle para animar e darlle forzas a eses colectivos
que están a loitar sen cuartel por este
bicho que nos está matando. Mais o que me chocou un pouco foi
precisamente ese detalle de nomear tan só a certos colectivos. E,
ollo ó dato, son o primeiro en confesar a miña admiración por
todos eles, principalmente por eses da sanidade e os dos
supermercados, que son os que máis se nomean, e que é certo que
quizais sexan os que máis risco corren.
Pero nesta
situación na que nos atopamos, creo que todos, absolutamente todos
estamos incluídos na defensa e no risco deste Covid-19. Empezando,
por exemplo, polos propios políticos ós que case sempre criticamos
ou insultamos, e hoxe por hoxe tamén son
merecentes de aplausos, porque alguén tiña que coller as rendas da
situación, pois senón isto sería un auténtico pandemonio.
Merecen aplausos eses funcionarios que transcriben todas esas ordes
que se acordan. Eses periodistas que están ó pé do canon para
contarnos a verdade. Eses cidadáns de a pé que cumpren coas normas
e non saen das casas (corresponderíanlles os maiores aplausos, pois
ó non saír non pillan o virus e non irían a ningún centro de
saúde ou hospital, polo que non contaxiarían). Podería seguir e
seguir, pero quero pararme nun colectivo en concreto (porque
pertencín e pertencerei sempre a el) ó que en ningún guasap ou
rede social lin que pediran aplausos para eles. Falo do sector
agrícola, do labrego. Para ese labrego que
rebenta os riles todos os días do ano, con
pandemias ou sen pandemias (por
unha miseria a cambio, por certo) para que
toda a xente de todos os colectivos teña para comer. E
teñen o seu risco; moitos tractoristas morren ó ano por transitar
por sitios intransitables buscando ese
sustento diario para todos os demais colectivos. Meu
aplauso para todos.
Finca
Fierro. Sábado, 21 de marzo de 2020
No hay comentarios:
Publicar un comentario