domingo, 15 de marzo de 2020

PRIMEIRO DÍA DE ENCERRO

Primeiro día de encerro. Canso de dar cabezadas e de ler. Ó ler é cando me entra o sono. E como sei que teño todo o tempo do mundo para ler, pois veña, outra cabezada. Nestes días que vai durar a corentena creo que vou recuperar todo o sono perdido nos últimos trinta anos. Neste primeiro día non foi un encerro continuo; pola mañá fun mercar o pan e dous periódicos. Imaxino que así farei todos estes días nos que lle esteamos a atacar ó coronavirus sen saír da casa. Hai que recoñecer que é un gran sacrificio. Sempre lle tiven medo a que me caese a casa encima. Gústame ler, gústame escribir, gústame durmir, pero catorce días ou máis entendo que se me porán costa arriba. Pero hai que ser heroes!
Non obstante, estou preocupado para cando me chegue o momento de ir ó supermercado a mercar para comer (porque nós non fomos dos que asaltamos os súper, e hai que ir, máis ou menos, día a día). Estou estudando a posibilidade de armarme coma un Rambo e a ver que acontece. Primeiro día de encerro. Son as cinco da tarde do domingo 15 de marzo de 2020. Se miro para fóra, vexo que está chovendo. Ó mesmo tempo, escoito o tema musical “Il Trovatore”, de Giuseppe Verdi. Ó mesmo tempo penso en toda esa xente que está pechada nas súas casas e neses irresponsables que non o fan. Porque os hai. Tamén penso en toda esa xente que está loitando contra esta pandemia que nos mantén encerrados. Que sirva isto coma unha pequena homenaxe polo seu traballo, pola súa dedicación e, ó mellor, sen recibir nada a cambio.

Finca Fierro. Domingo, 15 de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario