viernes, 20 de marzo de 2020

BAIXO OS AMIEIROS DA PITEDIÑA

Quero correr detrás do ronsel dun avión, pero case prefiro sentar á beira do Arnoia e pensar na razón de non querer correr. Ó mellor é porque xa non estou para eses trotes, para esas lerias, ou porque á sombra dos amieiros da Pitediña se está demasiado ben. Definitivamente, sento e escoito o ruxerruxe da auga e o golpeo dun pitorrei. Por moito que busco non consigo velo. Tan só sinto o ritmo do golpeo contra un amieiro. Ó pouco vexo como se achega o burro do Panameño, o veciño que, desde primeira hora, saca ó animal da corte e déixao ir ó seu albedrío. Logo, polas noites, Secundino Loreto Saviola, O Panameño, afástase uns metros da casa, mete dous dedos na boca e asubía. Nun santiamén, o seu burro asoma ós catro pés ou ós trotes pola rúa. Nunca vin un burro tan ben educado.
O animal non tarda moito en chegar ó meu lado. Fálolle. Mírame. Ponse a pacer e non se separa moito de min. Sabe que non o molesto e sabe que estou alí facéndolle compaña. Hai burros que son moi listos. Deixo de mirar para el porque algo chamou a miña atención. Un pequeno movemento de ondas nas augas do Arnoia. Axiña a vexo. Polo río abaixo vai unha troita de pé, corre que te corre, quen a puidera coller. Río polo baixiño ante a ocorrencia e ata o propio burro move as orellas coma se quixera espantar ás moscas, pero eu ben sei que era porque me oíra o comentario. Chíscolle o ollo esquerdo e el move o rabo cara ó lado dereito. Ergo e contemplo por última vez o ronsel do avión. Xa case non se aprecia.

Finca Fierro. Venres, 20 de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario