sábado, 21 de marzo de 2020

O TEMPO PASARÁ

A situación é estraña. As circunstancias son raras. Ás veces, demasiadas veces non sei xa en que día vivo. Ou ben non me queda outra que mirar o calendario (e aínda así custa), ou ben espremo os miolos para saber o día do mes e tamén o da semana. Os momentos que estamos vivindo son así coma espesos, descoñecidos. Pero non queda outra que plantarlle cara e tirar cara á adiante. Hai que facelo para que o tempo pase e que todo cambie. Temos que facer que ese tempo corra para deixar atrás canto antes esta angustia, esta rareza que nos está convertendo nuns seres demasiado estraños. Ou non tanto. Á hora da verdade o ser humano amosa todo o que leva dentro.
Por veces, e a moi poucos, agrómalles ese latexo sentimental que aniña no corazón de cada un. Non obstante, a maioría das veces, e ante situacións moi estremas, sáenos ese bicho que levamos dentro. Vivimos unha situación tan estrema que empezamos a mirar de esguello a todo o que se cruza no noso camiño. A min quédame a esperanza de que o tempo corra para que todo cambie. Mentres, refuxiareime na música para calmar a conciencia. Consolareime coas aventuras deses libros que son os mellores amigos de cada un. Distraereime con palabras que espallo, que esparexo por unha páxina en branco ou por unha pantalla de ordenador. E, finalmente, quedarei relaxado deitado nun sofá e contemplando unha historia cinematográfica. A situación é estraña. As circunstancias son raras. Pero o tempo pasará e todo volverá á normalidade.

Finca Fierro. Sábado, 21 de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario