domingo, 29 de marzo de 2020

SUPERMÁN

É domingo e quero voar coma Supermán. Pero estou gordo e non consigo nin tan sequera pegar un pequeno chouto. Estou gordo e case non teño intelixencia. Teño que pensar moito como facer para saltar. Sei que se estivera nunha azotea ó mellor desde alí si podía probar a voar. Coma Supermán. Gústame Supermán. Quero voar coma Supermán. Estou gordo, non teño intelixencia e tampouco sei asubiar. Se soubera asubiar, máis seguro que lle asubiase a Supermán para que me levase a dar unha volta. Que bonito sería ver todo un país desde as alturas. Nunca saín de Baños de Molgas. Pois vale, chegaríame con ver a miña vila desde uns cincocentos metros de altura, por exemplo. Que bonito sería!
Estou gordo, non teño intelixencia, non sei asubiar e son feo coma o demo. Por iso ninguén me quere. Ninguén suspira ou salouca por min. Eu... que quixen tanto e tanto quero. O Supermán é guapo. Moi guapo e moi ben feito. Quero ser coma Supermán e quero voar coma Supermán. Se fora guapo e voase coma Supermán, todos se volverían tolos por min. Estou gordo, non teño intelixencia, non sei asubiar, son feo e quedo de pasmón sentado á beira dun amieiro para intentar ver a esa troita que corre polo río Arnoia abaixo todos os días do ano. Quero botarme a chorar, pero noto así coma un aire frío que me fai erguer a mirada e aí está... Supermán aterrando á miña beira. E lánzame un ola cun enorme sorriso nos beizos. E cólleme no seu colo para ensinarme Baños de Molgas. Agora si que choro. Coa emoción. De felicidade. Quero a Supermán!

Finca Fierro. Domingo, 29 de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario