martes, 24 de marzo de 2020

PORQUE ME COÑEZO BEN

Soño. Soño esperto e soño durmido. Cabalgo polas pradeiras de Sudalomba e atopo niños entre as silveiras. Subo ó tren na estación de Baños de Molgas e ó pasar a ponte das Cepas lánzome contra o túnel que aparece ó momento. Pero non rompo a cabeza. Porque tan só é un soño. Un soño que vai e vén mentres intento botar unha sesta. Que sería o noso país sen unha sesta! Dun salto agárrome á cola dun avión e viaxo polo espazo sideral de todo o universo. Que bonito é abarcar o ceo en silencio! Nunha das voltas do aparato consigo aterrar sobre un penedo de Barricobos. Menos mal que caín de pé, senón escacharía a cabeza. Aínda que a miña cabeza é dura, moi dura. Tan dura como distinguir a realidade dun soño. Que, moitas veces, non é nada fácil.
Por veces, a realidade vai máis alá dos soños e os soños máis alá da realidade. É complicado analizar a situación. A non ser que se filosofe diante dun espello. Se te pos a filosofar diante dun espello, o máis seguro é que se reflictan nel os soños que estás a piques de soñar. Dou voltas na cama e sigo soñando coa carallada de non saber cara á onde vou. Non sei se camiño ou corro cara á adiante ou cara á atrás. O máis seguro é que estea quieto. Seguro! Porque me coñezo ben. Ás veces digo que vou e non vou. Outras veces digo que quedo e marcho. Porque hai que marchar. Nunca me gustou quedarme quieto. Aínda que fose dereito ó inferno. Total, que é o inferno? Un asubío no tempo? Un corazón ardendo? Un soño de alento?

Finca Fierro. Martes, 24 de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario