martes, 10 de marzo de 2020

PREMENDO AS TEMPAS

Boto a man á cabeza e penso. Penso mentres Fito e Fitipaldis cantan que acaban de chegar. Eu xa hai un bo cacho que estou sobre o ordenador. Para matar o tempo. Para facer algo útil. Se é que fochicar pola Internet e polas redes sociais é facer algo útil. Ó Mellor si. Ó mellor non. Premo unha tempa (a esquerda) mentres intento burlarme de Robbie Williams porque se lle dá por dicir “Sin Sin Sin”. Sen que, oh, sen que... Hai algúns que botan a lingua pacer porque non saben facer outras cousas. Igualiño, igualiño que o Jácome. É que hoxe vin un vídeo de cando expulsou do salón de plenos ó portavoz do BNG no concello de Ourense, Luis Seara, que, polo que din, seica é a tranquilidade personificada. Ó final case do pleno, como aínda non pacera ben, tamén expulsou á concelleira do PSOE Juana Ageitos. En cada frase que soltaba eu mesmo non sabía se me daba pena ou vergonza a forma de proceder do alcaldiño. Imaxino que os seus propios compañeiros, en algún momento dado, engurrarían un chisco o fociño. Pero, como se adoita dicir, cada pau que terme da súa vela ou que cadaquén que cangue co seu. Eu voto en Barbadás. Agora mesmo tamén votaba o tema “Maruxa”, de Milladoiro, coma un dos máis fermosos que escoitei nesta última semana. E escoito moita música durante todo o día. Pois durante a semana... Premo a outra tempa (ou sexa, a dereita) mentres a voz do noso Raphael penetra con forza polos meus oídos, polo esquerdo e polo dereito. Matei o tempo. O de facer algo útil... sen comentarios.

Finca Fierro. Martes, 10 de marzo de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario