jueves, 23 de junio de 2022

A CULPA É DE...

Antigamente, os parladoiros desenvolvíanse nos lavadoiros -as mulleres- e nos bares -os homes-. No caso de Baños de Molgas eran o lavadoiro e o mazadoiro, ambos os dous da burga. Hoxe, os parladoiros lévanse a cabo nas esperas das consultas médicas. Porque xa ninguén lava a man e porque, por un achaque de nada, axiña nos achegamos ó centro de saúde ou ós hospitais que sempre haberá con quen falar. E sempre falamos ben, ou sexa, a favor, é dicir, descargando a culpa nos demais.


Por cousas da vida, mellor dito, da saúde levo un tempo andando de aquí para alá con xente ós médicos. E, claro, nas esperas a xente dálle que dálle, ou sexa, á lingua. O outro día dúas señoras botábanlle a culpa ós africanos e ós suramericanos. Botábanlle a culpa de todo. Que baixaban da patera e xa tiñan un emprego e unha pensión de por vida. Que cruzaban o charco e a sanidade ós seus pés, os traballos ás primeiras de cambio e demais etcéteras a darlle cun sacho.

Ó seguinte día, unha señora falando comigo sobre o Covid axiña me soltou que a culpa era dos chinos e dos marroquís. Eu, como creo que sei de que pé coxea esa xente, ó dicir marroquís entendo que aí tamén entran no paquete os demais africanos. E eu que sei quen entrará no paquete dos chinos. Calquera. Porque a culpa sempre é dos demais. Sempre. E cando non atopamos un culpable, xa sabedes que a culpa é do chachachá. Se a culpa é nosa, é un erro. A dos demais, si é culpa.


Café A Pedreira. A Valenzá. Mércores, 22 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario