lunes, 20 de junio de 2022

FACENDO QUE FAN

Xa cheguei a onde tiña que chegar e xa sentei onde tiña que sentar. Agora vou tomar o que teño que tomar. Con isto xa dixen moito. Pero teño máis cousas que dicir. Que empeza a chover. Máis ben a marmañar. Que unha pomba anda de mesa en mesa e que Juan Manuel Moreno, o flamante gañador das eleccións andaluzas, cometeu o mesmo erro que cometen a maioría dos políticos por acadar algún voto ou, mellor dito, por chamar a atención. Hai uns días asomaba nunha foto á beira dunha vaca, como dando a entender que sabía do asunto gandeiro ou que defendía ó sector agrícola.


En Galicia temos moito diso. Mesmo creo que demasiado. Lembrades aquel xesto do ex flamante presidente da Xunta, Núñez Feijóo, coa mangueiriña de casa intentando apagar unha inmensidade de incendio que tiña pegado ós pés?


Lembrades aquela actuación do ex conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, saíndo nun vídeo no que denunciaba a contaminación dos ríos, no momento en que collía uns farrapos para ensinar tal porcallada, pero traizoándoo despois o feito... o feito de volvelo tirar ó río? Hai que ser pasmóns, carallo!


Os políticos son moi propensos a retratarse facendo que fan, cando, na realidade, nin tan sequera saben onde están. Non é coma min, que souben chegar, souben sentar, souben tomar o que xa tomei e, como non, souben dicir o que tiña que dicir e dixen. Moi ben dito, por certo. Para ego, o meu. Non vou ser menos ca eles. Xa veredes; mañá póñense a cavar unha leira que xa está arada.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 20 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario