sábado, 4 de junio de 2022

PASA O QUE PASA

Non hai maneira! E non aprenden! En Estados Unidos hai un tiroteo e medio ó día. E masacres demasiado a miúdo. O outro día, cinco mortos máis nun hospital de Oklahoma. Normal, un pai ensínalle primeiro a un fillo unha arma antes que un libro. Logo de ensinarlle a arma, faltaría máis, saen ó campo para que practiquen, para que saiban usala. E vaia se as usan! Nese país de América prohiben nimiedades, pero fan apoloxía do uso das armas. Agora, Biden pide prohibir as armas de asalto. Polo que se ve, só as de asalto. As pistolas non matan. Os revólveres non disparan. Non obstante, por moito que pidan... xa o dicía Quevedo: “poderoso cabaleiro é don Diñeiro”. E a industria de armamento ianqui ten un potencial enorme. Moitas veces digo que non me preocupan as súas mortes porque eles mesmos a buscan, pero cando un pensa nos nenos ou nesas familias das vítimas, dá coma pena e, aínda que a impotencia quere vestirse de indiferenza, tales actos doen, por moito que ataque o proceder dese país que tanto ama as armas. Ama máis as armas que os propios seres humanos. E así pasa o que pasa.


O que pasa neste país cos bancos e caixas de aforro clama ó ceo. Déixaselle facer e desfacer ó seu antollo. Déixaselles que nos espreman e sen darnos nada a cambio. É máis, agora somos nós os que temos que facer practicamente todas as operacións, non vaia ser que eles se molesten en atendernos. Quitaron caixeiros e, agora, en colaboración coa Xunta, volven poñelos e, principalmente os anciáns, que se busquen a vida para usalos. No Carballiño xa van facer un obradoiro precisamente para iso, para que a xente saiba usalos, para que os dos bancos e caixas non se molesten, que igual se poden herniar.


Tamén pasa o que pasa coa guerra ruso-ucraína, que cumpríronse 100 días da mesma e aí segue. E seguirá. Porque, aínda que é certo que non deberiamos de meternos en terreos de ninguén, chega o momento en que a comunidade internacional debería actuar, e non deixar que esa hecatombe se perpetúe. Porque xa van máis de 4.000 mortos e millóns de refuxiados.


E por falta de espazo, o noso novo presidente Alfonso Rueda salvouse da crítica. Pero se digo que ampliou o seu Goberno, polo que son máis a mamar, xa entendedes, verdade? Pois aí queda esa indirecta que é moi directa.


Finca Fierro. Sábado, 4 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario