domingo, 26 de junio de 2022

PENSABA QUE...

Pensaba que camiñaba pola beira esquerda do río Arnoia, pero a realidade mandoume á estaxe número cinco dunha pista de atletismo. Estaba a correr, claro. A min, que nunca me gustou correr. Sempre fun de andar e quedar quieto. E cunha quietude desas que se poden chamar eternas. Mesmo moita xente pensa ás veces que son un nugallán. A min, cando me ferve o sangue. Que me ferve tan a miúdo que incluso chego a pensar se non serei un pote cheo de calda. Daquela caldada que se lle daba ós porcos, a base de nabos, verzas e patacas.


Pensaba que camiñaba pola beira dereita do río Arnoia, pero a realidade amosábame colgado dun balcón e intentando furgar para entrar nun pequeno faiado. Hai accións que non se entenden mentres non se fan. Que estaba a buscar nun faiado? Quizais o acocho dun latexo? Ou o reflexo, na claraboia, dun sorriso aberto?

Pensaba que estaba a nadar polo medio do río Arnoia, pero a realidade dirixiume a un foguete espacial no que sucaba o universo. Ese universo no que se mestura algo de todo; desde estrelas fugaces ata ruxerruxes eternos, desde planetas varios ata pensamentos erráticos, desde un meteorito guapo ata a inesperada Perla Negra. Que fai a Perla Negra nos confíns do universo?

Pensaba que asubiaba desde a ponte vella de Baños de Molgas, pero a realidade dime que estou cantando desde o alto da torre esquerda do santuario dos Milagres. E co mal que canto...


Café O Liñar. A Valenzá. Sábado, 25 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario