viernes, 24 de junio de 2022

A MIÑA ILUSIÓN

De todos é sabido que unha das mellores ilusións do home era a de voar. A miña tamén. A proba é ese traxe de astronauta que teño no faiado. Por certo, nos faiados é onde se desenvolven os mellores soños. Emporiso, o gran problema meu está nos aparatos; non teño foguete, nin avión, nin helicóptero, nin avioneta, nin aguia que me leve. E pensando en todo isto esta noite pasada, aconteceume pola mañá algo que non creredes, pero é o que hai e o que foi.



Espertei cunha sensación rara e con certo malestar nas omoplatas. Pensei que sería dalgunha mala postura na cama. Non obstante, botei a man dereita sobre o ombreiro esquerdo e souben ó momento que me saíran ás. Como o digo! Como o conto! Marchei coma un alustre ó cuarto de baño para mirarme ó espello. E alí estaban. Si, como as dos anxos. Un par de ás brancas e grandes.

Sempre fun atrevido. Tiña que probalas, botarme a voar. Pero sabía que ó mellor non o conseguía a ras do chan por moita carreira que botase e impulso que tomase. Mais sabía do sitio perfecto. Subín ó campanario da igrexa de Baños de Molgas, a case 30 metros de altura e... malo será! Púxenme á beira da campá que dá cara ó norte, abrín os brazos e que sexa o que Deus queira. Se fallaba polo menos caía sobre as casas que me viron nacer e crecer.

Levo tres días seguidos voando. Como o digo! Como o conto! Para comer abro a boca e por aí penetra toda clase de mosquitos e bichos. Penso seguir voando outros tres días. Con estas ás dá gusto.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 24 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario