jueves, 16 de junio de 2022

O BANDERAS INFANTIL

A Lisardo, o fillo da Grela, non lle sae da cabeza a película “Átame!”, de Almodóvar, na que Banderas secuestra a Victoria Abril por amor. Lisardo quere secuestrar á súa Pichurriña (chámalle así, Pichurriña, porque o fillo da Grela é moi infantil). Tal secuestro débese, claro está, a que ela non está pola labor. É dicir, que non arrea, que non vai. Que si, que amiguiños pero nada máis. Lisardo non acepta tal rexeitamento. É el o tal.


O outro día, nun cruce de dúas rúas; el, co coche, púxose á altura dela. A Pichurriña pensou que era unha casualidade e así llo dixo cun sorriso enorme cando se saudaron. El tamén lle sorriu, pero a realidade é que o fixera a propio intento; que andaba e anda á procura dunha boa situación e dun bo momento para levar a cabo tal secuestro.

Tampouco foi coincidencia nin casualidade que, horas máis tarde, se plantase moi cerca da casa dela para estudar a forma de asaltar o seu domicilio, de penetrar polo balcón. O estudo foi rápido e sinxelo: tender un sedeño desde un piñeiro que había a uns 20 ou 30 metros e a un ferro que sobresaía da fachada a uns dous metros por debaixo do balcón. Ó piñeiro, Lisardo subirá ben (subiu a moitos cando de rapaz andaba no monte coas vacas), pero cruzar colgado dos brazos a lonxitude do sedeño, podía, si, custar unha barbaridade. Non obstante, sabía que o amor vence os imposibles.

Non, aínda non escolleu ningunha opción, porque segue buscando o mellor lugar e o mellor momento. Segue a estudar todos os pasos da súa Pichurriña. E de cando en vez, aínda que sexa mentalmente, dille que “como hai deus que a ti te secuestro!”. Estamos á espera.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 16 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario