domingo, 12 de junio de 2022

O RECANTO MÁIS LÚCIDO

O sol cae con forza. Pero Severino Cebolas, O Millaias, está á sombra, á sombra dos amieiros da Pitediña e á beira mesma do río Arnoia. Severino Cebolas está nesa idade na que o alzhéimer se presenta de cando en vez ou xa bastante a miúdo na súa vida. Sexa por amor ou polo que sexa, o caso é que os momentos máis lúcidos do Millaias desenvólvense nos tempos do seu noivado coa súa Andoriña, como lle chamaba el a Perla Suárez, e máis en concreto nunha conversa que mantiveran sobre unhas bragas e as cores das mesmas. Ante isto, hai que deixalo claro de antemán; que Severino, O Millaias, non era nin é parvo. Facendo desconfiar incluso de se o seu principio de alzhéimer é real ou ficticio.


Por veces cóntalles ós seus amigos se a unhas bragas vermellas, por exemplo, lles van ben unhas puntillas de cores. Os amigos, para non deixar en mal lugar a característica que temos de burlarnos, de facer mofa sempre dos máis desvalidos, tíranlle da lingua. E O Millaias, con graza, mesmo con moito xeito, fálalles das bragas negras con puntilla branca ou dun espertar que tivo Perla cunha braga de cor amarela. Aí, nese momento, todos eles, falaron de certas combinacións de cores nas que non se entendían un carallo.

O Millaias axiña desconectou e simulou que quedaba como trasposto (alzhéimer ficticio) para volver a aquel recanto máis lúcido da súa memoria, polo que non tardou en presentarse ante os seus ollos a imaxe da súa noiva con bragas de diversas cores. Non é parvo, non. O recanto máis lúcido élle o máis agradable.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 11 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario