lunes, 13 de junio de 2022

BOTARLLE AZOS

Boteime fóra sabendo que se asaban os paxariños. Pero non collín medo. Iso si, andei pola sombra. Porque podo ser medio pampo pero non parvo enteiro. O peor foi o pequeno traxecto no que non existe nada de sombra. Emporiso, boteille azos e, como non, puxen sobre a miña cabeza o caderno no que escribo. Para que fixera de pantalla, de parasol, de sombreiro. Repito: medio pampo pero non parvo enteiro.


Barbra Streisand facíame cóxegas nos oídos. Non lle entendía nada porque nada sei de inglés, pero canta como os anxos. Díxeno sempre: logo da voz da miña nai, non hai no mundo mundial como a da Streisand. A miña nai cantaba moito; principalmente ó facer as labores da casa e, faltaría máis, na igrexa. Aquí alzábase de tal maneira a súa voz que eu non sabía onde meterme. Todos a mirar para ela e a min... trágame, terra.

Non vin ningún paxariño asado, pero quenta de carallo. Está o día de tal maneira que hai que hai que ter moitos perendengues para facer o amor, por exemplo, nun faiado. Hoxe a un faiado xa non se consegue entrar. Sei seguro que segundo se van subindo as escaleiras, axiña se nota como que a respiración se vai cortando, como che falta aire para respirar.

Boteime fóra sabendo que se asaban os paxariños. Pero non collín medo. Como non teño medo agora que hai que volver. Porque teño que volver. Polo mesmo traxecto. Á sombra e un cacho ó sol, no que haberá que demostrar unha vez máis que non son parvo enteiro. Como moito, medio pampo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Domingo, 12 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario