martes, 7 de junio de 2022

NON ME PASA NADA

O que non me pase a min, non lle pasa a ninguén. Que non me pasou nada. Esa é a cuestión, o quid. Xeralmente, sempre nos pasa algo. A todos. Eu levo moito tempo esperando, e nada. Quería que me pasara algo. Para contalo. Gústame contar as cousas. Sabedes que me gusta ser como un libro aberto. E para vós sei que son toda unha novela. Quizais unha desas baratas, pero novela. Tamén podo dicir unha película. Mais hoxe, nin hai película nin hai novela. Porque non me pasa nada.


De cando en vez pasa un coche ou rolda unha rula ou canta un pardal ou berra un animal. Onda min tan só hai silencio porque non me pasa nada. Podía asubiar por un puñado de euros, pero ninguén me vai pagar a actuación. Se ma pagaran xa pasaba algo, pero... Pero tampouco quero parodiar a música do mestre Morricone. Así é que sigo quedando en silencio e esperando a ver se me pasa algo. Non confío moito; porque xa levo tempo esperando e... nada.

Agora mesmo acaba de pasar un avión ó que tan só lle vin unha á. Porque unha nube negra o cubriu ó momento. Negra si que a teño eu: mira que non pasarme nada. Nin tan sequera que me manden unha foto, por exemplo, ou que me digan ola, ou que me traian un café. Nada. E levo tempo esperando polo café. Ó mellor é porque a xente tampouco quere que me pase algo. Non sei, igual queren deixarme de lado. Co que lles conto sempre... Hoxe non hai nada que lles contar. Porque nada me pasa. Case é mellor que marche, a ver se me pasa algo.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 6 de xuño de 2022

 

3 comentarios:

  1. Amigo, fai o que fixeron aquiles feirantes que montaron unha carpa, e cobraban a entrada, gritando.
    PASEN SEÑORES, PASEN, QUE NON PASA NADA. e así berraban e berraban, e o público pagaba, entraba por un túnel negro e saia a claridades, sin que pasara nada.
    Aproveita hom,fai negocio.😜😜

    ResponderEliminar
  2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar