lunes, 27 de junio de 2022

MESTURAS

Pulsa para mesturar. É o que me di o móbil cando entro na aplicación da música. Fágolle caso, claro. Porque sempre quero escoitar música. E desde a Finca Fierro ata o medio da Valenzá hai un certo traxecto, no que a música me entretén abondo. (Paréntese para confesar que xusto neste momento estou escoitando o mellor tema musical do mundo mundial: “Under Fire”, de Jerry Goldsmith). Digo que lle fixen caso e pulsei para mesturar. E hai mesturas a darlle cun sacho: Ricardo Arjona mesturado con Milladoiro, Pink Floyd con Melendi, Vangelis con Rosalía, Paquiño Sinatra con Charlie Santana... Mesturas sen ser musicais: fabas con castañas, Baños de Molgas con Barbadás, asubíos con silencios e latexos con ruxerruxes...


De verdade que mesturar é fácil. Todo consiste en meter e amasar. Claro que ó mellor o resultado queda como queda. Uns días que quedei só na casa mesturei ingredientes culinarios e, si, xantamos, pero... Non hai moito pensei en mesturar políticos da esquerda cos da dereita; tívenlle medo a unha empanada mental. Optei por mesturar sentimentos coa cavadura dunha leira e saíume un esgotamento físico de envergadura.

Se mesturo un vestido vermello cunha chaqueta negra, mesmo pode saír unha elegancia inmaculada e eterna. Mesturando flores de diversas cores adoitan saír ramalletes coma soles ou como amores. Tamén poden saír mangados de pormenores e feixes de rancores. Ás veces as mesturas non son boas.


Café Kibu. A Valenzá. Domingo, 26 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario