viernes, 3 de junio de 2022

AQUELAS DESPEDIDAS...

Sento no raíl da vía do tren. Moi cerca da estación de Baños de Molgas. Contemplo o universo dos carballos e das poulas que lindan ó camiño que leva ó muíño do Dositeo. Penso naqueles expresos de finais dos 70 e principios dos 80 nos que, ou te conxelabas de frío ou fervías coa calor, dependendo de se funcionaba ou non a calefacción. Véñenseme á cabeza aquelas despedidas familiares cando, ás doce da noite, emprendía viaxe á capital do Imperio. Víame apurado ó despedirme do pai, porque naqueles tempos os bicos ós homes –aínda que foran pais– non se estilaban moito. E os abrazos laterais que se adoitan dar agora tampouco procedían. Porque naqueles tempos cando abrazabas, tiñas que bicar. O colmo das apuradas chegaba en se lle notaba ou vía algunha bágoa ó pai. Aquilo xa me fundía un pouco. As lágrimas da nai... esas aparecían en todas as despedidas. Ademais, ela, era en por si de lágrima fácil.


En moitas despedidas, para evitar esas escenas, a nai xa nin se achegaba á estación ou non a deixaba ir. Aínda que, eu, ben sabía e sentía que, na casa, baixarían regueiros polas súas meixelas. A unha nai non fai falta vela para saber o que fai e o que sente. No momento da partida, os que estaban fisicamente eran os que recibían os adeus coas mans desde a fiestra do tren. Pero tan axiña como ía á altura de Formigoso, o meu pensamento buscaba a casa que estaba á beira da igrexa. Despois tocaba asumir nove horas de incomodidade e con algo de tristura. Baños de Molgas quedaba atrás e iso doía. Doía moito.

Agora, ergo do raíl e saio con parsimonia do recinto da estación.


Café O Chicote. A Valenzá. Venres, 3 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario