jueves, 30 de junio de 2022

UN CASO PERDIDO

Cando pensaba que estaba só, non tardei en notar unha presenza física que se sentaba á miña beira. Mirei de esguello. Era ela. Púxenme coma un tomate maduro e os nervios fixéronme soltar un ola que nin eu mesmo entendín. Ela era... ela era ela. Para que vou dicir o nome? Non quero que saibades moito dela. Se o sabedes pensaredes que igual se me cruzaron os cables. Por desgraza non ten boa sona. Claro que tamén sei que, eu mesmo, son un caso perdido. Creo que aínda me miran peor ca ela. Pero adianto que nin me vai nin me vén, que tanto ten xabón como fío negro.


Eu son Inocencio Loureiro Duque e sei que por detrás a xente chámame O Nervioso. Tamén sei que, a maioría das veces, a xente non é parva poñendo alcumes. Xa digo que estaba a bailar coma o millo. Logo, para máis aquel, non tardou en, con disimulo e pouco a pouco, achegarse a min. Ela facía que miraba para os biosbardos, pero deslizaba a seu corpo polo banco. E iso que o banco é de pedra. Porque estamos nas Mestras, en Baños de Molgas. Porque tanto ela como eu somos desta vila.

Ela, nun repente e sen vergonza ningunha, colleume a man e miroume ós ollos. Pensei que me daba algo. Os nervios mesmo me facían bufar. Ela sorriu e eu só quería que me tragasen As Mestras. Empezaron a tremerme as pernas e empecei dálle que dálle ós talóns contra o chan. Estabamos sós. Ela achegouse máis. Fuxín coma can con vincha ó rabo, coma quen leva o demo detrás. E fuxindo entendín por que tiña máis mala fama ca ela.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 29 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario