viernes, 10 de junio de 2022

POR QUE?

Estou namorado! Namorado dun pelo do meu brazo dereito. Dun simple pelo. É que fai por dous ou tres dos demais. De longo, se entende. Nunca tal vira. É tan simpático que lle collín (e lle teño) cariño. Estou tan namorado del que o collo moitas veces e estíroo unha e outra vez para ver tal portento. Iso si, fágoo con moito coidadiño. Por nada do mundo quero arrincalo ou simplemente que rompa. É unha xoia! A miña xoia!


Cando o miro dáseme por pensar no día que sementei as patacas. Ó mellor, cando manipulei no mineral, igual expuxen un tempo o antebrazo ó contacto de tal fertilizante. Eu que sei, puido valerlle de abono.

Realmente non sei por que está aí, por que creceu tan desmesuradamente. Cal é o motivo que ese pelo si e os demais non, nin tan sequera un ou dous máis. Tan só un, tan só ese. Isto faime recordar a eses nenos que están sempre co “por que” na boca. Porque non entenden. Pero os adultos, se o pensamos friamente, tamén estamos cheos de por ques. Por que se move un dedo ou un ollo ou a lingua? Si, xa sei que o mecanismo seica está no cerebro, pero estamos na mesma: por que o cerebro manda esas ordes e por que sabe distinguir unha perna dun brazo ou o dedo matapiollos do furabolos?

Por que ese pelo do que estou namorado é tan longo e os outros non, cando están no mesmo brazo, na mesma zona do brazo? Non quero pensar máis neses por ques, debido a que son moi feliz co meu peliño e oxalá non me caia nunca.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 9 de xuño de 2022

 

2 comentarios:

  1. O teu especial pelo faime pensar, que si o de crecer tan a libre albedrío lle ven de esa exposición o mineral das patacas, podes ter un filón de ouro si o patentas para aplicarllo os calvos.😜😜

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Que proben, a ver... Total, só é refregar un pouco de mineral pola cabeza. Ou meter a cabeza dentro do saco do mineral.

      Eliminar