viernes, 17 de junio de 2022

SENTADO NO MAZADOIRO DA MIÑA RÚA

Sento no mazadoiro da miña rúa e penso. Pensar, a maioría das veces, é bonito. Porque pensamos o que queremos e non somos tan parvos (eu, medio pampo pero non parvo enteiro) como para pensar nos aspectos negativos da vida. Certo que ás veces non queda outro remedio que facelo, porque certos aspectos son fodidos.


Pero hoxe, non. Hoxe penso naquel tempo que foi e que tamén tivo de todo, claro. Mais eu tiro polo carreiro da inocencia, que é o máis bonito. A inocencia digo que é a alma xemelga da infancia. Así é que penso naquela inocentada na que, nunha noite de verán (nesas nas que todos os veciños saen a tomar o fresco), se me deu por coller o pano das mans do meu pai para tourear a un carneiro grande que tiñamos. A acción, a rexouba foi de película porque, para máis aquel, o carneiro colaboraba divinamente, coma un auténtico touro. Claro que, era un crío e podía escapar ben das escornadas do ovino. Se fora hoxe, non sei, non sei...

Sentado no mazadoiro da miña rúa deixo que pase o tempo. Porque o tempo pasa. E todo cambia. As inocentadas déronlle paso ó descanso do guerreiro, precisamente no mesmo mazadoiro. Tourear unha leira agarrado á rabela dun arado non era prato de gusto. Ou segar coa gadaña a herba seca durante varios días. Ou rozar unha poula de toxos para cargar un carro dunhas cen gavelas. Aí, nesa etapa, o mazadoiro da miña rúa era o suspiro físico dunha canseira que, grazas a deus, pouco a pouco, remitía.

Hoxe, neste mazadoiro, a calma é a filla ou a neta do que xa foi.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 17 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario