martes, 21 de junio de 2022

SOBRE DOUS APUNTES

Pois a ver se aguanta a tarde sen chover. O tempo este non está nada católico. Hai dous días andariamos polos 40 graos e hoxe con chaqueta e... e aínda así cómpre ben. Si, aguántase; o peor é se chove. Se chove teño que fuxir coma un can doente porque estou na terraza dun café. E se escapo deixo de escribir. Se deixo de escribir non saberedes o que quería dicir. Non procede deixarvos en ascuas ou co verme no corpo. Claro que, tamén é verdade que moito que dicir non teño.


Podo comentar e comento dous apuntes que teño por aquí anotados no caderniño que reciclei. Un versa sobre a nova de que case un 10% de alumnos de secundaria intentaron suicidarse. Isto é terrible! Porque entendo que a nova se debe máis ós abusos que ó fracaso nas notas. Antes, os abusos versaban tan só nos insultos e nas malleiras (non meto aquí os abusos sexuais porque iso xa non serían abusos, senón que serían actos criminais). Agora os abusos tamén proceden dos móbiles, ou sexa, das redes sociais, onde non fai falta unha malleira para fundirlles a existencia, chega cun simple comentario despectivo ou algo semellante.

O segundo apunte versa sobre que algúns labregos e en algúns lugares xa volven arar as fincas con animais para aforrar o gasóleo das máquinas. Eu xa levo uns días dicindo que moito coidadiño coa volta dos burros. Ó mellor non tardamos en botar man deles para que nos transporten dun lugar a outro.

Ale, agora xa pode chover, que aínda que fuxa, xa escribín para dicir o que tiña que dicir e para que saibades o que quixen dicir.


Café A Pedreira. A Valenzá. Luns, 20 de xuño de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario