sábado, 7 de julio de 2012

POLA CARA BONITA



              Imaxino que moitos ao ler a nova de que “o goberno fará públicos os soldos dos alcaldes e edís” pensarán que, por fin, empeza a haber claridade nas administracións locais, autonómicas e centrais. Intúo que iso pode ser algo así como un pequeno perdón para os que cobran. Pensarán que ensinando as súas contas será como unha bondade nunha profesión (a de político) que hoxe en día non está moi ben vista. Vaia parvada! Por moito que amosen ou por moito que publiquen os soldos, non os van baixar. É máis, algúns ata se fachendearán, se gabarán do que cobran e outros cantos aínda son capaces de aprobar en pleno (coa súa maioría absoluta, por suposto) algunha suba. Sinceramente, ás veces é mellor non saber o que se embolsan para que o sangue non se vexa alterado polas enormes cantidades, para non cabrearse. E principalmente neses alcaldiños e edís que coñecemos e que vemos que non moven unha palla, que tan só serven para erguer a man nas votacións dos plenos afirmando ou negando o que diga o seu xefe, o seu alcaldiño. Falando claro, que cobran tan só pola cara bonita.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 7 de xullo de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario