viernes, 18 de julio de 2014

ATUGAR


               Verbo atugar. Farteime de buscar en todos os dicionarios galegos que teño, e nada. Boteille unha ollada a todos aqueles que, sen ser meus, caeron nas miñas mans, e tampouco. E xa por último busquei na mellor e maior enciclopedia existente hoxe en día (o google), e nada de nada. Perdón, atopei unha acepción de Eligio Rivas: “Meter, enterrar unha cousa nun lamazal ou terra húmida”. Pois si, máis ou menos así é para min o seu significado. Cando as vacas se metían nun deses lameiros demasiado brandos: “vanse atugar”. Cando un carro cruzaba por eses lugares húmidos ou con bulleiro: “vaise atugar”. E non digamos xa se era un tractor, con todo o seu peso. E así se atugaba máis dun. Se querías espichar, por exemplo, unha estaca: “atúgaa ben”. Non entendo por que non asoma esta palabra nos dicionarios galegos cando non son eu só o que a uso. Pensaba que era eu o que usaba mal o verbo, a expresión, pero pescudei, comprobei que non. Quedo en paz coa súa escrita e coa súa pronuncia.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 15 de xullo de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario