lunes, 7 de julio de 2014

QUEDA TODO NOS SOÑOS


               Queda o astronauta suspendido no tempo para que a inercia actúe por si soa. Esta leva a aquel de estrela en estrela ata que se estrela, ou seax, ata que se esnafra. Pobre astronauta; foi morrer ben lonxe, ben afastado do seu fogar. Penso, opino e creo que a anos luz. Tamén pode ser ano arriba ou ano abaixo. Mais, que é un ano nesa inmensidade? Incluso un ano luz?

               Queda o verme luceiro cruzando o atallo que vai dunha rúa a un camiño, ou viceversa. O atallo é aquel lugar polo que se atalla, do verbo atallar. O verme luceiro é o vagalume, o lucecú que resplandece, que alumea nas noites nas que eu paso polo atallo. Máis seguro que tamén resplandeza aínda que eu non camiñe polo atallo que se atalla.

               Queda o silencio facendo un oco onde hai ruído. Pouco a pouco consígueo. É tan bonito o silencio, tan harmonioso, tan calado. Silencio. Queda todo nos soños.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 25 de xuño de 2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario