Alguén (pénsase que foi o seu
veciño) esparexeu uns carteis pola vila nos que se dicía que había que poñerlle
un sinal de tráfico na fronte a Abel Asirio Salonde co símbolo de curva á
dereita. Agora, entre os veciños da vila, estaba a dúbida do seu significado:
porque Abel torcía un chisco o andar cara á dereita? ou porque Abel estaba a
volverse das dereitas cando sempre foi un presunto nacionalista? O de torcerse
cara ó lado dereito é certo. Desde rapaz ladeou para ese lado a causa dunha
mala postura que lle puña ó pé. E o da cuestión política creo que tamén é
verdade. Duns meses para acá, ou ben por liortas internas no seu presunto
partido nacionalista ou ben porque sabía que nas dereitas se vive moito mellor,
o caso é que se lle notaba a leguas que empezaba a cambiar de bando. Abel
Asirio Salonde rosmaba polo baixo cada vez que se atopaba con ese cartel. E
tiña que rosmar a miúdo, porque había folios esparexidos polo chan e cravados
nas árbores das beirarrúas a esparto, a mareas.. Aínda así deulle un plus de inventiva
e orixinalidade ó que descorreu o símbolo de curva á dereita.
Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves,
19 de xuño de 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario