viernes, 24 de octubre de 2014

HAI QUE MIRAR ÓS OLLOS!


               Levo moi mal aquilo de que me chamen señor ou de que me traten de vostede. Algúns, cando estou cos rapaces, pensan que son o avó. Deberían de saber que se pode ser pai a unha idade avanzada. Un profesor dun dos meus fillos, cando nos viu un día ós dous xuntos, seica lle preguntou logo se xa estaba xubilado. Ostra puta! Dille que aínda me quedan dez anos! É certo que o meu físico non representa a eterna xuventude: pelo branco, acne que me escarallou a cara e moito traballo na agricultura (por moi funcionario que sexa); primeiro arando e sachando leiras de millo e patacas e, logo, sulfatando, atando, enramando, esfollando, estercando, cavando unha viña dunha hectárea. O traballo no campo queima. Mais a pesar desta imaxe maltreita, avellentad penso que a xente non sabe mirar a unha persoa; tan só se basea no físico e non atende ós ollos. Os meus botan chispas infantís. Acaso non reflicto sempre nos meus relatos a infancia molguesa? Vivo ancorado nela. Chamádeme de ti, son un rapazolo de 55 anos e gozo da vida como un crío.

No hay comentarios:

Publicar un comentario