Xa teño o número escrito no
caderno. Que número? Non sei. Non o entendo. Agora vexo que é un garabato
debuxado de calquera maneira.. A ver se vai ser un número de circo, dime alguén
ó oído. Nin é de circo, nin é arábigo, nin é romano. Será un número de
exemplares? De que?, volve ladrar alguén por detrás. Pero quen rosma ás miñas
costas! Covarde, sae de aí, covarde!, berro. Ui, rapaz, que mal te vexo. Agora
o son xa me chega por todos os lados. Menos mal que me concentro de tal maneira
que deixo de oír ruídos e tan só contemplo o número. O número que non entendo.
Pouco a pouco empezo a pensar se non será mellor que escriba outro. Pero, e se
tampouco o entendo? Sei ler os números pero cústame moito escribilos. Tan só
quero escribir un. Empezo a suar. Ui, rapaz, mira que te vexo mal de verdade.
Esa voz... esa voz xa me empeza a amolar. De todas formas, imos alá. Escribo o
número. Que número é? Non sei. Non o entendo. Tiro o lapis, rompo o caderno e
deixo que catro bágoas baixen dos meus ollos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario