Quero
ser o Alien de Ridley Scot para meterme nunha desas naves que viaxan polo
espazo sideral na busca de planetas que aínda non teñen nomes. Quero ser o Mad
Max de Mel Gibson para envorcallarme con eses malvados que rouban gasolineiras
nos desertos australianos. Quero ser o James Bond de Sean Connery para choutar
de aquí para alá buscando espías camuflados nas embaixadas de todos os países
comunistas, antes, e islamitas, agora. Quero ser o Spiderman de Tobey Maguire
para trepar polas paredes dos edificios máis altos e enlear nas miñas redes a
eses ladróns de andar por casa. Quero ser o Superman de Christopher Reeve para
levar á miña dona polos ceos molgueses e, de paso, atopar o escondedoiro dese
alien que viaxa nunha nave espacial por toda a galaxia. Quero ser un heroe
cinematográfico, pero son un pobre buscador de contos para reflectilos nun papel
en branco que non ten final. Nin tan sequera me sae o primeiro capítulo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario