miércoles, 23 de octubre de 2019

CAFÉ CON CHURROS

Hoxe tocou café con churros. De cando en vez, á media mañá, acompaño o café cuns churriños. Teño medo a que máis tarde me entre a debilidade. Cando esta me entra, pásoo fatal, trémeme todo o corpo. E non quero poñerme malo. Non están os aparcadoiros de Ourense para poñerse enfermos. Se te pos enfermo, ti ou os teus familiares tedes que deixar unha pasta nos estacionamentos. O PSOE ourensán seica pide a gratuidade no aparcadoiro do Santa María Nai. Eu tamén digo que debería ser gratuíto o que acaban de abrir na Residencia nova. Porque a un hospital, residencia ou centro de saúde non vas por vicio, vas por necesidade. Cada vez que penso de ir ós médicos, dan ganas de largar ó Meixoeiro, a Vigo! Pola autovía logo se chega e alí o aparcadoiro é gratis... e con vixilancia. Pero canto máis necesitas unha cousa, máis obstáculos che poñen.
Ata nos asuntos culturais. Agora mesmo os estudantes ourensáns están reclamando bibliotecas de calidade e abertas durante todos os días do ano. Sei de provincias que as abren en domingo. Aquí, atrancos e máis atrancos para que unha persoa poida convivir co que máis lle guste, co que máis necesite.
Acomodados os churros e o café nas miñas entrañas e como sei que non vou arranxar o mundo, largo a ler no libro que pillei na biblioteca da Valenzá, da que procuro aprovisionarme para que... non me quede a velar vir.

Cafetaría Castillo de Maceda. Martes, 22 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario