jueves, 31 de octubre de 2019

VIDA NO UNIVERSO

Mentres contemplo como cae a chuvia sobre unha praza de Baños de Molgas, penso nas palabras do premio Nobel de Física, o suízo Michel Mayor, que dixo que “as posibilidades de que haxa vida no Universo son descomunais”, en referencia a que, desde 1995 (practicamente desde o outro día) descubríronse 4.057 planetas. A ver, señor premio Nobel, case cae de seu que en algún lugar haxa vida. Claro que a hai! Como non a vai haber! Se estou esperando con infinita ansia a cuarta visita do meu amigo o extraterrestre, o alieníxena, aquel que no mes de xuño do 2017 aterrara na Pitediña e ó que os meus veciños, en plan Far West, ataran ó carballo máis vello e máis robusto das Mestras.
Foi desde aquel momento cando a nosa amizade se fixo eterna, “universal”. Nas súas visitas posteriores chegamos incluso a abrazarnos, a chorar coa emoción (cando chegaba, cando marchaba) e a comunicarnos nunhas linguaxes que non coñeciamos de nada pero que entendiamos todo. Agora é verdade que xa leva tempo sen aparecer. Tanto que ás veces dáseme por pensar se non lle ocorrería algo. Aínda que, por esas conversas anteriores, sei que por saúde non será, pois dérame a entender que no seu planeta vivían miles de anos e el aínda tan só tiña 123. Puido ó mellor perderse polo espazo sideral (sabemos que é infinito) e coller a autogalaxia que non lle correspondía. A que vén dereitiña á Terra é a Lúa-18. Non obstante, teño un presaxio de que non está lonxe.

A Cervexaría de Maceda. Mércores, 30 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario