viernes, 25 de octubre de 2019

ESPERANDO CERTA PRENSA

Certa música sae polos altofalantes da Cervexaría de Maceda e o sol reflicte sobre os cristais da galería de enfronte. Vai sol. Onte choveu. Antonte houbo néboa espesa. Ó mellor mañá igual se lle dá por nevar. Ou por xear. Sempre digo que vivimos nun país privilexiado. Climatoloxicamente falando, claro. Porque polo demais... o tamén xa dito: somos o cu do mundo. Non, non teño ganas de esbardallar, de baduar, de latricar. Simplemente estou facendo tempo. “Fóronme pola prensa”, díxome Óscar, o da Cervexaría. De certa prensa. Porque a prensa diaria, a habitual, a de sempre xa a ten. E xa a lin, claro. Onde vai que a lin! Á primeira hora da mañá! Noutra cafetaría. Agora mesmo son as doce menos dez.
Por ler ata xa lin unha boa morea de páxinas do libro “As mulleres da fin do mundo”, de Daniel Asorey. Quédanme 30 páxinas. É dicir, que o rematarei nun chiscar de ollo, nun alustro, ou sexa, hoxe xa pola mañá. Tan axiña como finalice este Pingas e logo de ler esa prensa que foron buscar, poreime ó libro. Xa quero devolverllo á biblioteca da Valenzá pola tarde. Ó entregalo, faltaría máis, haberá que pillar outro. En principio ten que ser en galego (adoito ler dous casteláns e un galego, dous casteláns e un galego). A non ser que haxa algún castelán que... non poida deixar escapar. Chegou certa prensa. Así é que lle poño punto final a este relato e póñome xa con ela. Antes de que ma pillen. Punto final.

A Cervexaría de Maceda. Venres, 25 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario