viernes, 18 de octubre de 2019

NA BANQUETA DA ESPERANZA

Quero pasear á beira do mar e, ó pouco, sentar nun penedo para contemplar a sombra dun soño. Quero escoitar o ruído do mar e tatualo en silencio. Ergo os ollos cara ó ceo e vexo máis alá das estrelas. Vexo un universo que non ten fin, un universo inalcanzable. Deixo que caia sobre min unha melancolía que vai e vén por entre as toxeiras da costa. Deixo que o berro se perda por entre as nubes negras dun cosmos insaciable. Deixo que a inspiración dunha pesadume me leve pola beira do mar. Ergo do penedo e vou. Vou camiño do mar. Mollo os pés e sinto bolboretas nas entrañas. Quero afogar o berro no salitre da auga do mar. Non me meto mar dentro porque ó afondar o estoupido do silencio mataría o meu afán.
Quero correr pola ribeira do mar para que as pingas de auga salpiquen a miña ansiedade como bágoas de outono ou como lágrimas na chuvia de “Blade Runner”. Salpico, chapuzo cos pés as ideas que navegan por entre as ondas dun poema sen título ou dunha novela sen final. Corro ata non parar máis. Corro con ansia detrás dunha inspiración que se me perde, que non controlo. Corro ata rebentar. Pero non rebento; porque a ilusión chouta de palabra a palabra, de versos a verso, de frase a frase. E o devezo queda aí, suspendido, en silencio, ou sobre unha nube de algodón, ou sobre un lampo de vento, ou sobre unha pinga de orballo, ou sobre o elo dunha cadea. O desexo senta na banqueta da esperanza.

Finca Fierro. Venres, 18 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario