domingo, 13 de octubre de 2019

QUE QUEDE CONSTANCIA

Xa estou preparado para que unha pinga de auga estoure sobre a conciencia dunha idea. Dunha idea miña. Non me importan moito as ideas dos demais. As ideas dos demais adoitan ser moi contrarias ós meus pensamentos. E eu son unha persoa que penso moito e que sempre penso ó dereito. Aínda que ás veces colla por dous camiños diferentes. Por exemplo, podo pensar nun tema musical de Víctor Manuel e estar escoitando a banda sonora de “Rambo”, ou podo camiñar pola beirarrúa esquerda dunha rúa calquera e non perder de vista a beirarrúa dereita.
Pero xeralmente son un home que sempre penso ben para poder completar ou desenvolver algunhas boas ideas que sementarei sobre un papel en branco. É que quero que quede constancia de que son aquel que me fixo nos actos bondadosos dos pobres de espírito que non saben que camiño coller. Intento axudalos poñéndolle atrancos ó espírito maligno. Souben sempre que hai moito espírito maligno solto. Por iso desexo que rebente a pinga de auga e que molle ou incluso que afogue a eses que non teñen conciencia. Eu, tan só eu, son quen de pintar flores de toxo sobre a pel dunha raíña e de asubiar un rap sobre o seu sorriso. Que ninguén me tome a mal a miña egolatría, pero son o que sempre está aquí para reconducir os esperpénticos actos daqueles que non teñen nin conciencia, nin ideas, nin pensamentos. Xeralmente, todos estades cegos.

Finca Fierro. Domingo, 13 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario