sábado, 26 de octubre de 2019

EMPEZA A NOITE, REMATA O DÍA

Empeza a noite e, para min, é como dicir que remata o día. Porque a noite adoito aproveitala escribindo e, despois, vendo algunha película, se é que a hai (se non a hai, sigo escribindo). E rematado o día... non lin nada! Isto non é bo sinal. Estar un día sen ler nada (por ler enténdese libros, pois xornais lin dous) é coma sentir un baleiro no estómago que me pode deixar para o arrastre. Acostumado a ler como mínimo seis horas diarias, o día de hoxe é coma un aborto da natureza. E si, remata o día porque logo de escribir o que estou escribindo, recollerei coma un lóstrego para ver a película “Un home chamado Ove”, que proxectarán na segunda canle.
Non puiden ler porque os sábados, e a pesar de estar xubilado e de deixar a viña, seguen a ser os peores días da semana. Sempre hai algo que facer na aldea. Hoxe tocou cortar tres castiñeiros que secaran e preparalos, logo, na casa. Á media tarde tiven que parar na Valenzá para ler un xornal (o outro mercárao e lino ós cachos na aldea) e, iso si, tomar uns cafeciños. Os sábados sempre teño mono de café. Porque non o podo tomar ata a media tarde ou a noitiña. Cando cheguei á casa dubidei entre poñerme a ler ou escribir o Recuncho Hebdomadario do luns. Sabendo xa o da película, optei por escribir, pois despois da cea igual non me daba tempo de escribir o Recuncho antes de ver aquela. Ceei e estou co que estou. Non puiden ler. Case é un sacrilexio! Pero tranquilos todos, mañá é outro día. Tamén merezo algún descanso.

Finca Fierro. Sábado, 26 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario