jueves, 24 de octubre de 2019

INEPTOS ATA O INFINITO

Chove. Pero imaxino que non chovería sobre o helicóptero que trasladou os restos do Paquiño Franco. Alucinado estou con toda a chafallada que se montou coa súa exhumación. Non hai así tanto rebumbio cos cadáveres que foi deixando polas cunetas de todo o país. É máis, os familiares do Gran Ditador séntense maltratados polo Goberno e pola Igrexa. Hai que ser lampantíns! O Goberno de Franco fixo o que fixo e a Igrexa axudou a facer o que fixeron. Agora que, hoxe, o noso Goberno non é moito máis honrado, precisamente sobre o mesmo tema da exhumación, xa que non lles importou gastar un diñeiral para o traslado, ata tal punto de realizar ensaios. Que había que ensaiar? Ese cadáver non merecía nin merece tan sequera respecto!

Chove. Imaxino que choverá sobre o escote da moza Carmen Carballido. Sobre a cabeza do profesor de matemáticas Luciano Méndez Naya deberían caer chispas a ver se lle ardían no inferno os exabruptos. A Universidade de Santiago suspéndeo das súas funcións por cuestionar o escote desa alumna. Agora, suspéndeo agora. Cando xa seica non é a primeira vez que ostentaba o seu machismo e a súa sandez. Hai institucións e Gobernos que son ineptos ata o infinito e máis alá.
Chove sobre unha ditadura que aínda latexa (e moito) e sobre un individuo con moito espírito maligno dentro do seu caletre.

A Cervexaría de Maceda. Xoves, 24 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario