sábado, 12 de octubre de 2019

SOBRE PESTES

Pese ás críticas internacionais e a numerosos Gobernos que esixen que se deteña a operación militar, Turquía dálle que dálle con lanzar bombas e mísiles, con disparar sobre os kurdos. A ONU, o venres, alertaba xa duns 100.000 desprazados e contabilizaba 31 mortos, varios deles nenos; que son sempre os que pagan as trapalladas dos que inician as guerras. Estas inícianse desde despachos. As bombas e mísiles caen sobre edificios cheas de civís que, a maioría, nin saberán por que se iniciou tal guerra. En pleno século XXI que siga habendo guerras, confírmame unha vez máis que levamos o demo dentro e que cando o deixamos saír é para que faga e desfaga ó seu antollo. O demo ou a peste sempre busca ó máis débil, ó máis indefenso.
O que non está indefenso é o Xeneralísimo; que vaia se ten aínda os seus adeptos, as súas tropas, os seus secuaces. Estes zumba e dálle coa exhumación de Paquiño Franco. Por Deus bendito, que non se queixen! Franco morreu de vello e conseguiu que o enterraran. Hai que lembrar que moitos (moitos) morreron de novos e quedaron nas cunetas sen enterrar. Nas cunetas. Sen enterrar. Como apestados. E á maioría nin lles deixaban ós familiares facer o intento de enterralos.
Logo, para máis aquel, un tal Teodoro García Egea (que seica é o secretario xeral do PP) afirma que “non descarta que Sánchez recorra ós Reis Católicos se hai outra campaña”. Pois mire vostede, non estaría mal. Porque se boa peza era o do anterior parágrafo, esta parella que nomea o señor ese non lle queda á zaga. De católicos non tiñan nada de nada. E para a nosa terra foron aínda peor cá peste.
A peste tamén empeza a asomar xa no concello de Ourense. Non nos chegaba coa iluminación de Vigo e, agora, ale, os das burgas non podemos ser menos e dilapidamos un 80% máis para as luces de Nadal. Creo que foi o ano pasado cando escribira xa un Pingas de Orballo comentando que dentro duns anos, as festas do Nadal (que hoxe en día enténdese simplemente co asunto do alumeado) empezarán cando rematen as novenas de Os Milagres, é dicir, o 9 de setembro. Despois, lóxico, chega a incongruencia dos cambios de hora para aforrar luz e resulta que...

Finca Fierro. Sábado, 12 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario