domingo, 20 de octubre de 2019

SON UN PENITENTE

Xa son un penitente que ando baixo a chuvia solicitando o jazz de Miles David. Pingas de auga caen sobre a miña cabeza e deixo que a orde alfabética dite as miñas ideas. Á miña esquerda vai un can de palleiro mirándome de esguello. Vai mollado. Vai pingando. Vai medio correndo e co rabo entre as pernas. Quero berrarlle, pero simplemente lle asubío. Mira novamente de esguello e bota a correr como alma en pena. Choven paus e ruído de sables sobre a conciencia dun pobo, mentres uns pés zapatean nun charco cheo de auga lixosa. Alguén baila ó ritmo dunha muiñeira que sae pola fiestra dun piso calquera. Quero correr tras o can de palleiro, pero penso que lle chega ben co seu propio medo.
Son un penitente que cabalgo sobre a nana do cabalo grande de Camarón e deixo que a auga baixe pola miña cara mentres me tiro a un toxo para espertar. Para espertar dun soño que se escondeu entre as orellas do can de palleiro. O can de palleiro fuxe dunha realidade que lle mete medo. Choven xenreiras sobre un pobo que quere ser libre (hai liberdades que as hai que pagar con sangue). Son un penitente que quere ir máis alá dunha minoría asoballada e facer que rebenten sentimentos de ignorancia. Quixera ser un Mad Max loitando no deserto do descoñecemento dunha maioría que non controla, que non domina a súa xenreira. Son un penitente montado sobre un can adoecido que morde na insensatez dunha chusma que vai e vén baixo o auspicio dos que cren ter a razón. Pero non a teñen.

Finca Fierro. Sábado, 19 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario