domingo, 27 de octubre de 2019

POR UNHA NOITE PECHA

Como houbo cambio de hora, ás nove menos cinco da noite xa a escuridade é total. Silencio na noite. O silencio sempre é dono e señor cando non hai ruído. Porque a música de John Coltrane non é ruído. Tampouco fai ruído un asubío platónico pola Valenzá arriba, por exemplo. Ou polo parque Ansuíña de Baños de Molgas. O silencio é o mellor verso que se pode escribir cando os soños se deitan na almofada da calma, do sosego. A noite é esa escuridade que, aínda que non vexas nada, sentes todo. A noite é o ruxerruxe do silencio. Porque o silencio, se atendes, tamén fai ruído. O mesmo que, ás veces, no ruído atopas o silencio.
Entre ruídos e silencios, unhas teclas van pousando sentimentos nunha páxina en branco, marcadas polo ritmo de Radiohead. Non todo vai ser jazz nesta noite pecha. Concéntrome no ruído para buscar o silencio e deixalo caer nun mar calmo con sabor a morriña. Bendito o día en que un berro seco non fai ruído! Bendito o día no que un berro seco cae en silencio sobre un corazón aberto! Noite pecha. Silencio na noite. A música de Max Steiner leva pingas de ruído que baten en silencio sobre os meus oídos. Ninguén pode disimular o ruído dun latexo sobre o significado de todo un poema. Porque hai poemas que marcan o camiño para chegar ó intermedio dunha historia que se está contando... en silencio. Hai historias que veñen e van por unha noite pecha. Por unha noite pecha calquera.

Finca Fierro. Domingo, 27 de outubro de 2019

No hay comentarios:

Publicar un comentario