lunes, 22 de julio de 2024

A PEZA DE ROUPA


Quedei prendido dunha peza de roupa que se me prendeu cando andaba á busca de Luke Skywalker polas planicies galácticas de Sudalomba. Nunha simple silveira, alí estaba, a peza que cun golpe de aire se me pegou á perna esquerda. Logo de mirala e examinala, non sei dicir que é. Semella que é a manga dunha chaqueta, pero tamén pode ser a perneira dun pantalón. Está sucia, está roída e nótase vella. Ó mellor igual é parte da vestimenta do galáctico que estou buscando.


Luke Skywalker desapareceu da galaxia máis afastada e algunhas pistas sitúano no noso planeta, na Terra. Algúns, sabendo da miña afección a ser astronauta, contactaron comigo para que lles botase unha man; a eles e a todo o universo. De todos é sabido a influencia que ten o amigo de Han Solo por ese espazo sideral, no que xa empeza a haber habitantes e obxectos a esgalla.

É certo que quedei un pouco asombrado ante tal petición. Unha cousa é querer ser astronauta e outra moi diferente ser especialista na guerra das galaxias. Porén, non quixen defraudar a eses algúns e no asunto ando. Co presentimento, iso si, de que a peza que se prendeu na miña perna esquerda ten algo que ver. Quizais polo detalle de non saber moi ben que é. Os galácticos visten de forma estraña, rara.

A peza de roupa, a maiores de me ser descoñecida, ten un algo que me atrae. Non sei se é a cor (practicamente descolorida), a forma (moi rara) ou a tela (nin idea de que é). Collina e gardeina no peto do pantalón. O seu olor, o seu cheiro levoume polos montes de Pinouzos e mesmo polas rúas de Baños de Molgas. Sigo buscando ó Skywalker ese.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 19 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario