martes, 9 de julio de 2024

CRUZANDO A SELVA AMAZÓNICA


Son o home que está cruzando a selva amazónica nunha caixa de cartón coa compaña dun can de palleiro. Chámanme Revólver porque son rápido coma un raio. O can chámase Cigarrón, aínda que responde a calquera nome. O que mellor entende é un forte asubío.

Ando polo Amazonas porque o botei a cara ou cruz co deserto do Sáhara. Como saíu cara, tiven que buscar a caixa de cartón. Se saíra cruz, tería que buscar un flotador. A miña ilusión é a de cruzar, algún día, o Sáhara a nado.


Os amigos puxéronme Revólver por culpa das películas do Oeste. Desde os tres anos só vía desas películas. Na Aira de Arriba de Baños de Molgas practicaba por entre os palleiros e canastros ós indios e vaqueiros. Segundo algúns só querían ser vaqueiros, é dicir, os artistiñas, a min non me importaba facer de indio. Máis dunha vez queimei un palleiro para facer sinais de fume. Mentres este ardía marchaba correndo a Barricobos para poñerlle lume a unha gavela de fentos verdes e contestarme a min mesmo. Así me comunicaba dun lugar ó outro. Nas pelexas só ganei unha vez de indio: cando me convertín en Chato, O Apache. De vaqueiro, si, ganaba sempre.

Agora mesmo deféndome dos crocodilos como podo, máis ben imitando os chíos dos monos ou a leria dos papagaios. Con esta sei que aburro ata as lianas de Tarzán. De cando en vez fago uso do alcume, do alias e disparo ó aire para que os animais e tribos inimigas noten e sintan que son máis rápido que un relampo. Cigarrón xa está tan acostumado que, en cada disparo, dálle ó rabo. É un bo can. Eu son un bo amo.


Cafetaría ConGana´s. Ourense. Luns, 8 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario