martes, 16 de julio de 2024

TODO É, AÍNDA QUE NINGUÉN O CREA


De que cor é a luminaria das ideas que escapan polas alpargatas rotas? Vermella ou amarela ou medio verdosa ou medio en penumbra. De que está feito o chifro que solta notas musicais sen que ninguén sopre? De sabugueiro ou de salgueiro ou de amieiro. De onde asoma o silencio cando o barullo é moi intenso? Do propio barullo ou dunha desconexión sentimental ou dun amortecemento provocado.

Todo é, aínda que ninguén o crea. Como cando un corpo deita sobre unha colcha que simula un mantel de mesa. Como cando unha imaxe brilla sobre o baleiro incoloro. Ten cor o baleiro? Todo é, aínda que, nestes momentos, nada exista. Ou o que exista non se vexa. Ou o que non se vexa, se intúe que está aí, precisamente no baleiro.


Como atravesa a luminaria o aceiro da miña alma? Como poden estar secas as alpargatas rotas? Como pode o chifro tocar un tema de Ennio Morricone sen que ninguén o sopre? Como pode berrar o silencio entre tanto barullo? Como poden os latexos mancar os versos do poema ou os parágrafos da novela? Sempre haberá accións que nunca entenderemos.

Non é tan fácil entender o que está mal escrito ou mal explicado ou mal redactado ou mal rodado. Porén, sempre se pode ler entre liñas ou, simplemente, dicir: ata aquí chegamos, e sentar á sombra do sabugueiro e dar unha cabezada sobre a ilusión, sobre o afán dun soño. Saberán os soños que a realidade é como é e que non hai volta de folla? Aínda así, a seguir soñando.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 12 de xullo de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario